domingo, 19 de outubro de 2014

Chamada á Folga Estudantil para os días 21,22 e 23 de Outubro

A vindeira semana contamos cunha xornada de folga convocada polo SdE, organización oportunista que tenta salvar a súa imaxe publica ofrecendo unha resposta, de novo, ineficaz.

Oportunistas porque dende o seu posto privilexiado colaboran co Estado e logo chéganos co conto da defensa dos dereitos do estudantado, cando en realidade son eles os que impiden a organización do mesmo. Cunha folga de tres dias, convocada dende Madrid, por "catro iluminados", non se pode pretender derogar a LOMCE nin parar a EU 2015.

Unha greve e unha ferramenta de denuncia e loita, non e unha xornada festiva na cal o pastor (SdE) saque a pasear o rabaño. Ademais dun percorrido para a difusión das nosas demandas e preciso ter presenza continua nas rúas para defenderse contra o imposto dende esas estruturas autoritarias que son os parlamentos.

Ante esta farsa sairemos as rúas, pero non para apoiar estas xornadas festivas senón que para transmitir a nosa mensaxe.

A mensaxe de que no sistema educativo estatal, dende que somos cativos, agrúpanos por idades, como se este fora o factor máis importante, e nos meten nas escolas durante todo o día. Nelas o corpo docente ten un prazo de tempo no cal, a súa misión é introducir uns determinados conceptos nas nosas mentes.

Pasado ese tempo elabóranse unhas probas denominadas exames, nas cales mediante un sistema de cualificación estipulan se tes esos coñecementos e en que grao os adquiriches. Se non pasas esas probas mándanche repetir curso para tentar de novo que adquiras esos coñecementos. Polo contrario, se se conseguiu o seu obxectivo mándanche a un novo curso e así sucesivamente. Desta forma vaise outorgando ao alumnado os  coñecementos considerados básicos polo goberno de turno.

Pois ben, dende o CEL opómonos a este modelo educativo e consideramos que a educación ten que ser antidogmática, antiautoritaria, integral e autoxestionada, é dicir, libertaria. Pero para acadar este obxectivo o primeiro paso é oporse ás leis que tentan empeorar a situación actual.

De que forma? Pois mediante asembleas en cada escola, instituto e facultade, de xeito que sexa o estudantado, dende as bases e de forma horizontal o que artelle e dirixa as súas propias reivindicacións.

POR UNHA EDUCACIÓN XESTIONADA POR DOCENTES E ESTUDANTES,
POLA AUTOXESTIÓN!