sábado, 2 de novembro de 2013

Solidariedade cos mineiros caídos no seu traballo este pasado día 28 de Outubro

Dende o CEL-Vigo queremos mostrar a nosa solidariedade cos 6 mineiros falecidos este pasado día 28 de Outubro no Pozo Emilio da Hullera Vasco Leonesa así como presentar os nosos respectos e condolencias aos familiares e compañeiros afectados polo suceso.

O sector da minaría foi e é un dos máis atacados dende o poder político e empresarial nestes últimos tempos, mostra destas condicións que se lle veñen impoñendo son as mobilizacións que fai un ano e algo se sucederon contra un plan do carbón ridículo, os recortes nas subvencións e o alto número de despedimentos.

Estas medidas, xunto con outras moitas que dan prioridade ao beneficio económico fronte á seguridade no traballo, teñen parte da culpa neste fatídico accidente. Por este motivo as compañeiras do CEL-Vigo pegamos uns cartaces na ETSE Minas como mostra de solidariedade así como para dar a coñecer a situación neste sector.

Porque estas mortes poderían terse evitado: ACCIDENTE LABORAL, TERRORISMO PATRONAL!



Nota: Debido a problemas técnicos non puidemos publicar esta entrada antes, a pesares de que xa a tiñamos feita. Disculpade a tardanza.

venres, 1 de novembro de 2013

Valoración da xornada de Folga na Educación do pasado día 24 de Outubro

Para este pasado 24 de Outubro convocárase unha folga en todo o sector educativo, na cal o CEL participou coa campaña GÁÑALLE O PULSO Á LOMCE, GÁÑALLE O PULSO AO SISTEMA!, difundindo a convocatoria e participando nas diferentes manifestacións que había programadas para esa data.

As compañeiras de Vigo pegamos cartaces coma o que se ve na imaxe por todo o Campus Lagoas-Marcosende, en Torrecedeira e nos institutos máis céntricos os días previos ao 24, coa fin de informar ao estudantado de que para esa data había convocada unha folga en todo o sector educativo por mor das políticas privatizadoras e mercantilistas que se veñen sucedendo dende hai uns anos, nesta ocasión, concretamente contra a chamada Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

Do mesmo xeito tamén repartimos volantinas as cales, a parte de mostrar por unha cara dito cartaz, polo outro lado tiña impreso un breve texto que contiña os puntos máis xerais de dita lei e o cal reproducimos a continuación:

O sector educativo no territorio galego, así como no resto do Estado español, está a sufrir os efectos das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar a educación. Isto débese á vontade das clases privilexiadas de obter máis beneficios así como de perfeccionar a labor de adoutrinamento ideolóxico para manter a súa orde social.

A LOMCE é un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre outras medidas, pretende privatizar a educación ao dotar de maior flexibilidade ás formas de financiamento da educación privada e concertada ao pasar esta a atender a demanda social e a oferta pública presente.

É dicir, que o Goberno poderá optar por suplir á demanda social no sector privado en vez de facelo no estatal. Isto ten un forte carácter dogmático, xa que beneficia ás persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans da Igrexa. A reforma tamén garante o adoutrinamento ao impor a materia de Relixión como obrigatoria.

A súa vez pretende centralizar a educación ao aumentar a porcentaxe dos contidos comúns que deben impartirse en todo o Estado así como ao relegar ao galego a un segundo plano e financiar a centros privados que promovan a ensinanza en castelán.

Esta lei tamén supón a verticalización da educación e a redución da democracia interna ao aumentar a autoridade da figura do director a vez que este pasa a ser elixido pola administración.

Por se isto non fora suficiente, introdúcese no relativo aos obxectivos da educación privada o “desenvolvemento do espírito emprendedor” poñendo ao empresariado e ao capital como modelo e obxectivo a seguir. Ademais, a lei garante que os centros nos que se segrega ao alumnado por sexos poidan ser concertados, favorecendo deste xeito o sexismo.

Este modelo de educación que se quere impoñer tamén ten plans para a universidade. A redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar en maior medida a universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o 65% do orzamento universitario, poñendo á universidade ao servizo do capital no canto do servizo social.
Por estas razóns, e as que non aparecen aquí, animamos a todo o sector educativo a que este próximo 24 de outubro secunde a folga para demostrar así o noso rexeitamento ao seu modelo de educación. Porque unha folga na educación é coma un pulso, e só o gañaremos se loitamos todas xuntas.

Así mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes no socialismo libertario.
Non á LOMCE, non ao sistema!
Pola AUTOXESTIÓN!


Finalmente o día 24 acudimos á manifestación que saía as 11:30H. da Praza dos Cabalos. Foi bastante concorrida, e a pesar da abundante chuvia logrouse paralizar o centro da cidade durante unha hora, o tempo que durou dita marcha. 


Ao finalizar chegou ás nosas mans un papel que animaba á ir a unha concentración á 13:00H. que se ía facer diante do concello co obxecto de esixir un aumento no número de buses que comunican o Campus Lagoas-Marcosende con Vigo nas horas puntas, e decidimos ir para mostrar o noso apoio. Alí estibemos media hora coreando as consignas que se gritaban así como elaborando consignas propias que tiveron moita aceptación, coma por exemplo: "Máis Vitrasas, e menos Taxas!"

Así pois, dende o CEL-Vigo cualificamos a xornada de éxito total ao comprobar a alta participación nas manifestacións que se sucederon durante todo o día, tanto en Vigo, coma no resto do territorio galego e español. Coma ven sendo habitual hai un baile de cifras entre os organizadores, que falan dun seguimento da folga en primaria e secundaria nun 95% e na universidade nun 80% e o goberno, que cita o seguimento entre o 20% e o 30%. Pero coma xa apuntamos máis arriba, a rúa fala por si mesma.

Pero lembramos que unha folga na educación é coma un pulso, un pulso que exercita o músculo necesario para gañar a loita. Por iso comunicamos que o CEL vai seguir traballando na creación dun movemento estudantil que sexa capaz de tombar unha lei privatizadora, mercantilista, verticalista, centralizadora e dogmática como é a LOMCE así coma de poñer a educación baixo o control do pobo e para o pobo.

POR UNHA EDUCACIÓN XESTIONADA POR DOCENTES E ESTUDANTES!
POLA AUTOXESTIÓN!



Nota: Debido a problemas técnicos non puidemos publicar esta entrada antes, a pesares de que xa a tiñamos feita. Disculpade a tardanza.