mércores, 11 de febreiro de 2015

26 de Febreiro: FOLGA ESTUDANTIL

Bailando ó son dun sistema económico cruento, caótico e monstruoso comaCartel 26F2(FEL) é o capitalismo, o goberno, paso tras paso, segue o compás marcado polo mercado nunha danza coa que fai as delicias das grandes corporacións ó mesmo tempo que condena a clase traballadora e as súas fillas á resignación e a precariedade. Un deses pasos é o así chamado “Estrategia Unversidad 2015”, un novo plan de reformas da educación superior e a investigación que continúa o proceso de mercantilización do ensino iniciado fai 6 anos co coñecido como “Plan Bolonia”, e que entronca directamente coa xa aprobada “LOMCE”, dirixida á ensinanza media e obrigatoria. O obxectivo común destes plans non é outro que o de facer do acceso ó coñecemento, non só un privilexio ó alcance duns poucos, senón tamén unha ferramenta ó servizo dos intereses das elites económicas.

Entre estas reformas, podémonos atopar medidas tan insultantes coma o “sistema 3+2”, o cal pretende acurtar a duración dos graos universitarios a tres anos, e prolongar a dos másteres a 2, o que implica un aumento exorbitado nos prezos das taxas. A isto hai que lle sumar un programa de becas absolutamente discriminatorio baseado, por un lado, en becas-préstamo a interese fixo expedidas por entidades coma o Santander, que deixan á estudante endebedada unha vez remata os seus estudos, e por outro, en becas-salario concedidas unicamente a aquelas persoas cunha renda mensual por debaixo dos 280€ ó mes cando, polo xeral, a situación de quen cumpre tal requisito nin sequera lle permite cursar estudos universitarios. Da mesma forma, quedarían suprimidas becas como as Séneca, as de maternidade ou as de mobilidade. Así, o negocio da educación ve fortalecido o seu papel de ferramenta perpetuadora da sociedade de clases. Só poderá acceder ós últimos niveis do ensino superior a minoría con fondos suficientes para pagala, é dicir, as fillas das elites (e, por tanto, futuras dirixentes) mentres se impide a súa entrada ás fillas das traballadoras e, cumprindo co contrato matrimonial entre capitalismo e patriarcado, as mulleres sofren con maior intensidade a discriminación das clases populares.

A progresiva diminución de fondos públicos destinados á educación, compensarase cun progresivo aumento da entrada de capital privado no sector coa intención de acabar por transformar as universidades en empresas dedicadas á formación de man de obra cualificada. Unha condición que se verá acentuada por un incremento na competitividade entre centros educativos. Os centros pasarían a loitar entre si polo “monopolio do ensino”, o que se traducirá no crecemento económico duns poucos a costa do resto. Volve a reproducirse aquí a estratificación social dentro do propio ensino, pois só aquelas persoas cun poderío económico máis que decente terán a posibilidade de entrar nos centros máis prestixiosos, tendo que conformarse quen non dispoña de fondos, coa matriculación en centros decididamente mediocres, iso si é que poden, e non se ven obrigadas directamente a ocupar postos de traballo precarios na primeira liña da produción capitalista.

Cabe mencionar tamén a implantación dun novo sistema piramidal de goberno universitario, xa establecido nalgúns centros do Estado. Este atópase encabezado polos “Consellos Sociais”, órganos formados por representantes de grandes empresas con licencia para escoller libremente a uns reitores que, no canto de profesionais académicos, serán xestores financeiros que á súa vez, nomearán dende arriba ós decanos, e estes ós directores de departamento, satisfacendo sempre as demandas da patronal, aplicando os métodos didácticos e de financiamento máis convenientes en cada caso. A pantomima democrática dos claustros quedaría neutralizada por completo e atoparíamosnos coa máis pura e contundente ditadura empresarial.

Mais recordemos que todo este paquete non ven só. Téñeno todo atado e ben atado para eliminar calquera reacción de oposición directa ás súas reformas por parte das estudantes, a través da violencia exercida dende o aparato xudicial e as forzas de represión policiais, como ben demostra a xa aprobada “Ley Mordaza”, que entrará en vigor nos próximos meses.

Queda claro que nos atopamos nunha situación crítica. Os ataques dende a administración á clase traballadora sucédense uns tras outros. Xa podemos ir esquecéndonos da careta con rostro humano utilizada polo sistema nas últimas décadas para sinalar sen vacilacións a súa cínica condición depredadora. Neste abafante contexto, e sendo plenamente conscientes dos seus determinantes, os colectivos que formamos a Federación Estudantil Libertaria, e máis en concreto o Colectivo Estudantil Libertario, vémonos na obriga de verificar de xeito rotundo a inutilidade da participación nas vías institucionais para a defensa dos intereses da clase traballadora, e afirmamos que a única alternativa factible pasa pola autoorganización das estudantes, da forma máis horizontal posible, sen representantes nin vangardismos de ningún tipo. Apostamos e apostaremos sempre pola autoxestión e a democracia e acción directas. Por este motivo, animamos a todas as estudantes a participar nas asembleas abertas dos seus centros, e a organizalas naqueles onde aínda non as haxa, para levar así á práctica verdadeiras ferramentas de cambio como a solidariedade e a axuda mutua.

Mais non nos quedamos na mera defensa e reivindicación dun ensino público aberta a todas as persoas. Conformarnos só con iso sería caer nun curtoplacismo incapaz de cortar a problemática de raíz. Loitamos e loitaremos por unha educación libre, ó servizo dos intereses do pobo, un ensino de base autoxestionario, comunitario, dirixido ó libre intercambio de ideas e o desenvolvemento da capacidade crítica e a autonomía intelectual das estudantes, lonxe de academias elitistas e docencias dogmáticas, un ensino, en fin, para á liberdade mediante a liberdade.

Este 26 de febreiro, sobran os motivos para saír ás rúas, participar activamente con compañeiras de asembleas abertas e organizacións na loita solidaria polo que debería ser noso. Non quedes na casa! Ante os seus ataques, a nosa autodefensa!

POR UNHA EDUCACIÓN LIBRE NUNHA SOCIEDADE SEN CLASES!

POR UNHA EDUCACIÓN SEN CLASES NUNHA SOCIEDADE LIBRE!