domingo, 23 de febreiro de 2014

Valoración da xornada de Folga na Educación do 20 de Febreiro

No pasado día 20 de Febreiro, o estudantado galego estaba chamado á folga por mor das políticas neoliberais que pretenden, entre outras medidas, mercantilizar e privatizar a educación. Esta vontade materialízase coa LOMCE e coa iniciativa EU 2015.

A Asemblea Local de Vigo do CEL secundou dita mobilización co lema ABAIXO OS MUROS AO COÑECEMENTO, ABAIXO O ADOUTRINAMENTO! e acudiu a manifestación convocada as 12:00H. en Praza América. Días antes pegáramos cartaces informando da folga nas facultades e escolas do Campus Lagoas-Marcosende, en Torrecedeira e en varios institutos do núcleo urbano.

Deste xeito, na manifestación repartimos volantinas que contiñan unha pequena explicación dos motivos que nos impulsan a secundar dita convocatoria e a cal reproducimos a continuación:

O sector educativo está a sufrir os efectos das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar a educación. Isto débese á vontade das clases privilexiadas de obter máis beneficios así como de perfeccionar a labor de adoutrinamento ideolóxico para manter a súa orde social.

A LOMCE é un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre outras medidas, pretende:

  • Privatizar: ao permitir que a educación privada e concertada pasen e poder a atender a demanda social.

  • Dogmatizar: xa que beneficia ás persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans da Igrexa.

  • Centralizar: ao aumentar a porcentaxe dos contidos comúns que deben impartirse en todo o Estado así como ao relegar ao galego a un segundo plano e financiar a centros privados que promovan a ensinanza en castelán.

  • Verticalizar: ao aumentar a autoridade da figura do director a vez que este pasa a ser elixido pola administración.

  • Mercantilizar: ao introducir coma obxectivos da educación o “desenvolvemento do espírito emprendedor” poñendo ao empresariado e ao capital como modelo e obxectivo a seguir.

  • Segregar por sexos: ao permitir que os centros nos que se divide ao alumnado por sexos poidan ser concertados.


Este modelo de educación que se quere impor tamén ten plans para a universidade. A redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar a universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o 65% do orzamento universitario, pondo á universidade ao servizo do capital no canto do servizo social.

Por estes motivos, animamos a todo o sector educativo a que este próximo 20 de febreiro secunde a folga para demostrar así o noso rexeitamento ao seu modelo de educación.

Así mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes, no socialismo libertario.

ABAIXO OS MUROS AO COÑECEMENTO,
ABAIXO O ADOUTRINAMENTO!
POLA AUTOXESTIÓN!

A manifestación transcorreu de forma tranquila ata o momento do seu remate, cando os colectivos convocantes ían ler o manifesto que pecharía a mobilización. Nese intre, comezou un enfrontamento entre as forzas de seguridade do estado e os manifestantes, o cal rematou con carreiras, uso de material antidisturbios, identificacións e unha detención.

Dende a Asemblea Local de Vigo do CEL condeamos a brutal represión exercida contra o estudantado, tanto en Vigo coma no resto das localidades chamadas a defender na rúa o que nos impoñen dende esas institucións autoritarias chamadas parlamentos.

Referente ao seguimento da xornada de folga, as organizacións estudantís convocantes o cifran dun 75% mais o que é seguro é que outra vez o estudantado galego saíu a rúa a combater os ataques ao dereito á educación perpetuados polo goberno central e a Xunta.

Dende o CEL imos seguir coa vontade de crear un movemento estudantil capaz de facerlle fronte aos ataques que está a sufrir a educación, así como de loitar por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes, no socialismo libertario.

POR UNHA EDUCACIÓN XESTIONADA POR DOCENTES E ESTUDANTES!
POLO SOCIALISMO LIBERTARIO!
POLA AUTOXESTIÓN!

luns, 17 de febreiro de 2014

Chamada a secundar a folga do 20 de Febreiro

Dende a Asemblea Local de Vigo do Colectivo Estudantil Libertario, chamamos a toda a comunidade educativa a secundar a folga que hai convocada para o próximo 20 de Febreiro en contra das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar a educación.

A LOMCE é un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre outras medidas, pretende privatizar, dogmatizar, centralizar, verticalizar e mercantilizar o sistema educativo,  ademais de  favorecer a segregación por sexos nos centros de ensinanza.


Outro exemplo deste modelo de educación que se quere impor é a chamada Estratexia Universidade 2015, que pretende continuar a privatización da ensinanza universitaria pública tras a implantación do Plan Boloña.

Por estes motivos hai que baleirar as aulas para encher as rúas e demostrar deste xeito a nosa oposición frontal a estas medidas. 

Así pois, lembramos que unha folga non é máis que unha ferramenta, non é unha fin. Por este motivo, dende o Colectivo Estudantil Libertario, tamén chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes, no socialismo libertario.


ABAIXO OS MUROS AO COÑECEMENTO,
ABAIXO O ADOUTRINAMENTO!
POLA AUTOXESTIÓN!