No pasado día 20 de Febreiro, o estudantado galego estaba chamado á folga
por mor das políticas neoliberais que pretenden, entre outras medidas,
mercantilizar e privatizar a educación. Esta vontade materialízase coa LOMCE e
coa iniciativa EU 2015.
A Asemblea Local de Vigo do CEL secundou dita
mobilización co lema ABAIXO OS MUROS AO COÑECEMENTO, ABAIXO O ADOUTRINAMENTO! e
acudiu a manifestación convocada as 12:00H. en Praza América. Días antes
pegáramos cartaces informando da folga nas facultades e escolas do Campus
Lagoas-Marcosende, en Torrecedeira e en varios institutos do núcleo urbano.
Deste xeito, na manifestación repartimos volantinas que
contiñan unha pequena explicación dos motivos que nos impulsan a secundar dita
convocatoria e a cal reproducimos a continuación:

A LOMCE é un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre
outras medidas, pretende:
- Privatizar: ao permitir que a educación privada e concertada pasen e poder a atender a demanda social.
- Dogmatizar: xa que beneficia ás persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans da Igrexa.
- Centralizar: ao aumentar a porcentaxe dos contidos comúns que deben impartirse en todo o Estado así como ao relegar ao galego a un segundo plano e financiar a centros privados que promovan a ensinanza en castelán.
- Verticalizar: ao aumentar a autoridade da figura do director a vez que este pasa a ser elixido pola administración.
- Mercantilizar: ao introducir coma obxectivos da educación o “desenvolvemento do espírito emprendedor” poñendo ao empresariado e ao capital como modelo e obxectivo a seguir.
- Segregar por sexos: ao permitir que os centros nos que se divide ao alumnado por sexos poidan ser concertados.
Este modelo de educación que se quere impor tamén ten plans
para a universidade. A redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas
só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar a
universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o
65% do orzamento universitario, pondo á universidade ao servizo do capital no
canto do servizo social.
Por estes motivos, animamos a todo o sector educativo a que
este próximo 20 de febreiro secunde a folga para demostrar así o noso
rexeitamento ao seu modelo de educación.
Así mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos
ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego,
científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e
estudantes, no socialismo libertario.
ABAIXO OS MUROS AO COÑECEMENTO,
ABAIXO O ADOUTRINAMENTO!
POLA AUTOXESTIÓN!
A manifestación transcorreu de forma tranquila ata o momento
do seu remate, cando os colectivos convocantes ían ler o manifesto que
pecharía a mobilización. Nese intre, comezou un enfrontamento entre as forzas de seguridade do estado e os manifestantes, o cal rematou con carreiras,
uso de material antidisturbios, identificacións e unha detención.

Referente ao seguimento da xornada de folga, as organizacións estudantís convocantes o cifran dun 75% mais o que é seguro é que outra vez o estudantado galego saíu a rúa
a combater os ataques ao dereito á educación perpetuados polo goberno central e
a Xunta.
Dende o CEL imos
seguir coa vontade de crear un movemento estudantil capaz de facerlle fronte
aos ataques que está a sufrir a educación, así como de loitar por unha
educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular
xestionada por docentes e estudantes, no socialismo libertario.
POR UNHA EDUCACIÓN XESTIONADA POR DOCENTES E ESTUDANTES!
POLO SOCIALISMO LIBERTARIO!
POLO SOCIALISMO LIBERTARIO!