luns, 17 de febreiro de 2014

Chamada a secundar a folga do 20 de Febreiro

Dende a Asemblea Local de Vigo do Colectivo Estudantil Libertario, chamamos a toda a comunidade educativa a secundar a folga que hai convocada para o próximo 20 de Febreiro en contra das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar a educación.

A LOMCE é un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre outras medidas, pretende privatizar, dogmatizar, centralizar, verticalizar e mercantilizar o sistema educativo,  ademais de  favorecer a segregación por sexos nos centros de ensinanza.


Outro exemplo deste modelo de educación que se quere impor é a chamada Estratexia Universidade 2015, que pretende continuar a privatización da ensinanza universitaria pública tras a implantación do Plan Boloña.

Por estes motivos hai que baleirar as aulas para encher as rúas e demostrar deste xeito a nosa oposición frontal a estas medidas. 

Así pois, lembramos que unha folga non é máis que unha ferramenta, non é unha fin. Por este motivo, dende o Colectivo Estudantil Libertario, tamén chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes, no socialismo libertario.


ABAIXO OS MUROS AO COÑECEMENTO,
ABAIXO O ADOUTRINAMENTO!
POLA AUTOXESTIÓN!